Hoxe quero compartir con vós unha fermosa foliada de Antonio Raposo Vidal, gaiteiro, cantante, frautista, compositor e unha das figuras máis importantes de “Os Melidaos”.
Trátase dunha foliada titulada Micaela e que está inspirada no segundo lance da obra “Os vellos non deben de namorarse”, de Don Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, estreada en Buenos Aires no ano 1941.
Esta peza está incluida no cuarto CD do grupo, “Tribo Nosa”, no que se incluen 15 fermosos temas, case todos compostos pola man de Antonio, e que podedes atopar neste enlace.
Hoxe quero compartir con vós unha fermosísima peza dunha nova colaboradora do blog. Trátase de María Xosé López Villar e a peza en cuestión é a foliada “Tecendo a vida”, composta por ela misma.
María Xosé López comeza no mundo da música tradicional no ano 1976 da man do mestre gaiteiro Henrique Otero como alumna no Conservatorio de Vigo, e posteriormente, formando parte da banda “Raigames”.
Despois da súa disolución, continúa a súa actividade musical no grupo Muxicas, no que estará dende o ano 1987 até o ano 1997, e onde se desenvolve gaiteira, zanfonista cantora e compositora, gravando 4 discos con esta formación: “O Demo Fungón” (1988); “Desafinaturum” (1990); “Escoitando medra-la herba” (1992) e “No colo do vento” (1996).
Paralelamente a Muxicas desenvolverá outras iniciativas como o trío Anamoura, trío de zanfona, guitarra, voces e percusións co que gravaría o disco “A chave do cerne” (1999), no que explora as posibilidades dos instrumentos implicados, e que estará activo ata o ano 2002.
No ano 2001 participa como cantora, zanfonista, gaiteira e produtora artística no disco “Rolada das cantigas” do grupo Na Virada, proxecto articulado arredor das composicións musicais de Xico de Cariño e sobre poetas galegos e portugueses. A finais do 2006 editarán o disco “Solaina”, proxecto multidisciplinar, de cuxa produción tamén é responsable.
No ano 2014 colabora como zanfoneira na gravación do disco “Tierra Alantre” do grupo portugués “Ronda dos Quatro Caminhos”, adicado á música galega, trasmontana e minhota.
Ten participado en varios espectáculos teatrais, como colaboradora musical: “A Mostra” de Tranvía Teatro (1991), “Commedia, un xoguete para Goldoni” de Ollomoltranvía (1993) e “Nau de amores” (1995), dirixidas por Cándido Pazó. “Chicho e a Santa Compaña” (2006) de Fulano, Mengano e Citrano” e “Historias tricolores, ou de cómo aqueles animaliños proclamaron a República” (2009), monólogo de Cándido Pazó.
Asimesmo no 2003 participa co actor Santi Prego nun espectáculo de contacontos con música sobre o Camiño de Santiago, que levaron pola xeografía galega e por Polonia, continuando esta colaboración durante tres anos co espectáculo “Cantar de cego”.
Ten ampla experiencia docente: cursiños de gaita e percusión en Centros Galegos, participación nos “Concertos para escolares”, da asociación Gaiteiros da Xistra do 98 até o 2008. Aulas de gaita na Escola de Percusión “Toca Rufar” do Seixal, na Associaçao Gilteatro de Alcochete, na Associaçao Portoceltico, na Maia e en Famalicao, e en diversos centros culturais e asociacións de Vigo e bisbarra.
Responsable da dirección musical dos “Maios” do Casco Vello de Vigo entre o 2008 e o 2010, e da Rondalla Centro Cultural e Social de Herville entre os anos 2009 e 2016.
Directora do Coro Rociero da Casa de Andalucía de Vigo, entre os anos 1987 a 1991, e 2006 a 2010.
Na actualidade desenvolve a súa actividade na segunda etapa da banda de gaitas Raigames, e como directora artística do grupo O Son do Río, que en breve presentará o seu primeiro traballo discográfico, e da banda de gaitas Breogán de Moaña.
Dende outubro de 2017 fai parte da equipa de dirección e redacción da páxina web de Muxicas na que é responsable da sección de partituras, da súa transcrición e difusión.
Precisamente a partitura da que hoxe estou a falar pertence ó traballo xa publicado no ano 2020 de O Son do Río, que leva por título xenérico “De Raíz”, e que podedes atopar neste enlace.
Hoxe quero compartir con vós esta foliada do repertorio de Os Dezas de Moneixas (Lalín) que non escoito tocar moito por aí -nin cantar- anque a mín góstame bastante, a verdade.
Hoxe quero compartir con vós, e para complacer en especial ó meu amigo Santiago Novo Rey, unha foliada do repertorio de Follas Novas da Coruña. Trátase da Foliada de Arnoia do músico Manuel Fernández Amor, nado en Ribadeo o 24 de decembro do 1896 e finado na Coruña o 3 de abril do 1978.