Hoxe quero compartir con vós outra peza do repertorio do Gaiteiro da Bretoña, Daniel Méndez Coroas, “Daniel do Roxo”. Nesta ocasión trátase dunha muiñeira de dúas partes, sinxela e ben fermosa titulada Muiñeira da Bretoña.
Hoxe quero compartir con vós unha peza coñecida por case todos os gaiteiros. máis non tanto de onde procede. Estou a falar da Mazurca da Bretoña. Esta peza pertencía ó repertorio de Daniel Méndez Coroas, coñecido como Daniel do Roxo, O Gaiteiro de Bretoña, 1923 – 2018.
Na súa casa xa existía a afición pola gaita, da man do seu irmán Prudencio, ate que este moreu na guerra, momento no que Daniel decide aprender a toca-la gaita, cando conta, máis ou menos con catorce ou quince anos. Tamén se ten constancia da súa labor como artesán de gaitas, axudado polo seu coñecemento do traballo da madeira, xa que Daniel era zoqueiro.
Tiven a honra de coñecer a este vello gaiteiro no nadal do ano 2007, en Mondoñedo, nunha homenaxe que a Asociación Cultural Pena do Golpe desta cidade lle rindeu e para a que tivo a ben contar co meu grupo Brisas do Mar.