Hoxe quero compartir con vós unha fermosísima peza dunha nova colaboradora do blog. Trátase de María Xosé López Villar e a peza en cuestión é a foliada “Tecendo a vida”, composta por ela misma.
María Xosé López comeza no mundo da música tradicional no ano 1976 da man do mestre gaiteiro Henrique Otero como alumna no Conservatorio de Vigo, e posteriormente, formando parte da banda “Raigames”.
Despois da súa disolución, continúa a súa actividade musical no grupo Muxicas, no que estará dende o ano 1987 até o ano 1997, e onde se desenvolve gaiteira, zanfonista cantora e compositora, gravando 4 discos con esta formación: “O Demo Fungón” (1988); “Desafinaturum” (1990); “Escoitando medra-la herba” (1992) e “No colo do vento” (1996).
Paralelamente a Muxicas desenvolverá outras iniciativas como o trío Anamoura, trío de zanfona, guitarra, voces e percusións co que gravaría o disco “A chave do cerne” (1999), no que explora as posibilidades dos instrumentos implicados, e que estará activo ata o ano 2002.
No ano 2001 participa como cantora, zanfonista, gaiteira e produtora artística no disco “Rolada das cantigas” do grupo Na Virada, proxecto articulado arredor das composicións musicais de Xico de Cariño e sobre poetas galegos e portugueses. A finais do 2006 editarán o disco “Solaina”, proxecto multidisciplinar, de cuxa produción tamén é responsable.
No ano 2014 colabora como zanfoneira na gravación do disco “Tierra Alantre” do grupo portugués “Ronda dos Quatro Caminhos”, adicado á música galega, trasmontana e minhota.
Ten participado en varios espectáculos teatrais, como colaboradora musical: “A Mostra” de Tranvía Teatro (1991), “Commedia, un xoguete para Goldoni” de Ollomoltranvía (1993) e “Nau de amores” (1995), dirixidas por Cándido Pazó. “Chicho e a Santa Compaña” (2006) de Fulano, Mengano e Citrano” e “Historias tricolores, ou de cómo aqueles animaliños proclamaron a República” (2009), monólogo de Cándido Pazó.
Asimesmo no 2003 participa co actor Santi Prego nun espectáculo de contacontos con música sobre o Camiño de Santiago, que levaron pola xeografía galega e por Polonia, continuando esta colaboración durante tres anos co espectáculo “Cantar de cego”.
Ten ampla experiencia docente: cursiños de gaita e percusión en Centros Galegos, participación nos “Concertos para escolares”, da asociación Gaiteiros da Xistra do 98 até o 2008. Aulas de gaita na Escola de Percusión “Toca Rufar” do Seixal, na Associaçao Gilteatro de Alcochete, na Associaçao Portoceltico, na Maia e en Famalicao, e en diversos centros culturais e asociacións de Vigo e bisbarra.
Responsable da dirección musical dos “Maios” do Casco Vello de Vigo entre o 2008 e o 2010, e da Rondalla Centro Cultural e Social de Herville entre os anos 2009 e 2016.
Directora do Coro Rociero da Casa de Andalucía de Vigo, entre os anos 1987 a 1991, e 2006 a 2010.
Na actualidade desenvolve a súa actividade na segunda etapa da banda de gaitas Raigames, e como directora artística do grupo O Son do Río, que en breve presentará o seu primeiro traballo discográfico, e da banda de gaitas Breogán de Moaña.
Dende outubro de 2017 fai parte da equipa de dirección e redacción da páxina web de Muxicas na que é responsable da sección de partituras, da súa transcrición e difusión.
Precisamente a partitura da que hoxe estou a falar pertence ó traballo xa publicado no ano 2020 de O Son do Río, que leva por título xenérico “De Raíz”, e que podedes atopar neste enlace.
Animádevos con ela e a disfrutala.
Primeira voz
Segunda voz
Escoitar Tecendo a vida interpretada por O Son do Río